A Organización de Produtores de Pesca de Cerco de Galicia, OPP-82 (ACERGA) convida á cidadanía a participar na presentación da súa nova campaña “Vivir o Cerco con peixe de ACERGA”, unha iniciativa que busca poñer en valor os produtos capturados mediante a arte do cerco e dar visibilidade á importancia da trazabilidade no sector pesqueiro.

O encontro terá lugar o venres 22 de agosto, de 11:00 a 13:00 horas, nas instalacións da Lonxa de Sada. Trátase dunha cita aberta ao público, organizada en formato de charla interactiva, na que os asistentes poderán coñecer o labor da frota de cerco, descubrir como funciona esta arte de pesca de proximidade e sostible, e comprender a relevancia de garantir a orixe do peixe mediante a trazabilidade. Ademais, poderán apreciar e probar o sabor único do peixe do cerco de ACERGA, recoñecido pola súa excelencia gastronómica, nun showcooking a cargo de A Artesa Da Moza Crecha.

Esta acción enmárcase dentro do PPyC 2025 de ACERGA, co financiamento da Consellería do Mar e do FEMPA, e conta coa colaboración do Concello de Sada.

A entrada é libre ata completar aforo. Non perdas a oportunidade de achegarte á Lonxa de Sada o 22 de agosto e descubrir todo o que hai detrás do peixe que chega á túa mesa.