- A entidade e ACERGA renovan o seu acordo de colaboración conxunta, que pon o foco no financiamento para renovación de embarcacións e para investimentos que fomenten a sustentabilidade.
- O banco pon a disposición deste colectivo de armadores solucións a medida das súas necesidades para mellorar a súa competitividade
ABANCA e a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA) veñen de subscribir un novo acordo de colaboración conxunta que permitirá a este colectivo, entre outras vantaxes, acceder a financiamento especial para a modernización das embarcacións pesqueiras e mellora da sustentabilidade deste sector de gran relevancia na nosa comunidade.
Esta alianza foi renovada hoxe en Sada (A Coruña) polo secretario de ACERGA, Alberto Castro, e o director de zona de ABANCA en Betanzos/Eume, Juan Manuel Barreira. Ao acto tamén asistiu o director de ABANCA Mar, Javier Fraga.
Grazas a este marco de colaboración, ABANCA pon a disposición dos armadores integrados en ACERGA financiamento a longo prazo para facilitar a construción, compra ou reparación de embarcacións de pesca. En concreto, a oferta a este colectivo inclúe solucións adaptadas como a hipoteca naval, un produto flexible e con condicións especiais que se personaliza para cada operación; ou o préstamo persoal fixo para renovación de frota.
Outras das liñas contempladas no acordo de colaboración son préstamos para financiamento de investimentos que fomenten a sustentabilidade, eficiencia enerxética e biodiversidade, así como a redución do impacto climático.
Anticipos.
Asemade, os profesionais de ACERGA terán á súa disposición préstamos para financiar a baixada de produción ou cese de actividade, así como a devolución de impostos. A oferta a este colectivo inclúe tamén outras opcións de financiamento que contribúan á mellora da competitividade do sector, como pólizas de crédito, préstamos persoais sen xuros nin comisións e con amplos prazos de amortización para o aprazamento de pago de impostos, leasing inmobiliario, confirming, avais ou liñas de comercio exterior para cubrir as súas necesidades de crédito.
No texto tamén se inclúe información en referencia ás posibilidades de financiamento a través de convenios oficiais que ABANCA mantén con ICO, Igape e as SGR galegas.
A Asociación de Armadores de Cerco de Galicia foi recoñecida como organización de produtores pesqueiros (OPP-82) no ano 2018 e conta con algo máis de cen asociados que representan a maioría dos buques galegos que empregan o cerco como arte de pesca. Como entidade busca a mellora da actividade pesqueira mediante a defensa dos intereses da frota, a realización de accións de formación, a promoción dos produtos pesqueiros e a conservación dos recursos. ABANCA, pola súa parte, conta cunha unidade especificamente deseñada para dar respostas a toda a cadea de valor do mar, ABANCA Mar. Grazas a esta división, o banco ofrece un catálogo adaptado de produtos e xestores especializados nas necesidades do sector marítimo-pesqueiro.