Xornadas da Pesca do Cerco 2017

I XORNADAS SOBRE A PESCA DO CERCO.

O vindeiro 20 de marzo de 2017 a Asociación de Armadores do Cerco de Galicia ACERGA en colaboración coa Universidade da Coruña.



 

RESUMO DAS XORNADAS POR ANTÓN LUACES.

 

Logo da apertura da xornada, realizada polo presidente de ACERGA, José Blanco Agraso, tomou o uso da palabra Xiao Recio Blanco, director de Ocean Program Enviromenmtal Law Institute of Washington quen salientou o labor desenvolvido polos oito consellos rexionais de xestión nas áreas de México e Chile, primordialmente, no marco dos plans de manexo na xestión pesqueira. Tamén se referiu á implantación dos primeiros sistemas de cotas no ano 2007, coa oposición da frota. Esta barallaba a posibilidade de que as cotas se concentraran en poucas mans. Falou tamén do establecemento de cotas  de pesca por especie, con posibilidade de pasar a multiespecies, no período 2006-2007, aplicación de cotas transferibles que se renovan anualmente, con resultados que melloraron a sustentabilidade. O sistema de cotas foi reformado fondamente en 2016, co que os consellos poden variar o sistema de cotas entre distintas artes de pesca (anualmente). Teñen a obriga de analizar as consecuencias sociais do Goberno. Salientou a colaboración entre as autoridades, os científicos, ONG e pescadores, o que permite a redución do número de barcos.

Nos EEUU, o sistema de cotas, explicou Recio Blanco, é unha ferramenta de traballo polo que as comunidades pesqueiras son parte do ecosistema mariño. Na aplicación dos modelos de coxestión, a reforma legal producida nos anos 90, promocionou grandemente o cooperativismo, con un evidente aumento da produtividade, redución das capturas incidentais e o aumento do nivel de ingresos (tanto en Chile coma en México).

 

JAIME RODRÍGUEZ-ARANA, catedrático de dereito Administrativo da UDC, fixo fincapé na significación para a pesca do Regulamento 1380 da UE, a partir da concepción de que a pesca é unha actividade económica e social regulada, libre o solidaria no desenvolvemento do sector. En relación á lei de Pesca de 2001, o profesor Rodríguez-Arana referiuse ós conceptos de equidade, racionalidade e proporcionalidade no reparto xusto das cotas de pesca.

 

JUAN VARELA, da Consellería do Mar, falou dos 1.950 barcos do censo de artes menores, que os recursos supoñen máis do 90% dos ingresos e do plan de xestión, así como da situación nas Zonas CIEM VIIIc e IXa.

 

RAFAEL CENTENERA dixo que a intervención de Xiao Recio evidenciou que "as cousas da pesca no se fan fóra mellor que aquí". Tamén considerou que o sistemas extractivo é catro veces superior ás posibilidades que outorgan as distintas especies e os seus stocks. Falou de sobrecapacidade e de que non vai mudar o sistema de reparto, de non mediar unha setenza xudicial que o determine, o que lle permitiu sinalar que no caladoiro nacional Cantábrico Noroeste sobra flota. Despézanse barcos, dixo,  sen que estes poidan repartir as súas respectivas cotas e avanzou na responsabilidade dos propios barcos, avogando por unha posible concentración de cotas nun grupo determinado de barcos. Dixo así mesmo que hai que mudar a mentalidade que permite pescar quilos para facer que se pesquen euros.

 

Xa no debate posterior, Rodríguez-Arana insistiu nos conceptos de equidade, equilibrio e proporcionalidade na pesca, mentres que o armador David Simes propuxo facer borrón e conta nova para levar a cabo unha nova repartición da pesca. Neste momento, outro armador -este de Ares e que figuraba entre o público, dixo xentrise coma un delincuente debido á constante presenza de inspectores de pesca- puxo o seu barco a disposición de Centenera: "Regálolle o acadado após de 60 anos de traballo como armadores". O propio Centenera sinalou que "o piar sobre o que se asenta a pesca en Galicia -a sardiña- foise á merda".

    

Xa na clausura, a conselleira do Mar Rosa Quintana, manifestou que o traballo en equipo é a habilidade para traballar xuntos cara unha visión común, que compre remar na mesma dirección para que a pesca se converta no verdadeiro motor do desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Dixo tamén que a mellora das posibilidades de pesca para todas as frotas supón un dos eixos fundamentais da actual lexislatura e que desde 2012 produciuse un avance significativo ó incrementar as posibilidades de pesca globais de España en case 100.000 toneladas e o seu valor en máis dun 100%.

Tratou dos importantes axustes realizados, o que produciu unha merma evidente no número de unidades operativas de cerco dende o ano 2004 para , a partir de 2012, dixo, entrar nunha relativa estabilidade no número de buques, influído pola súa compra-venda  noutras comunidades. En 2016, o número de barcos incrementouse lixeiramente e mesmo se produciron as altas de catro novas embarcacións, o que fai que este segmento de flota conte hoxe en día con 148 unidades pesqueiras.

Ofreceu dados Rosa Quintana sobre as descargas de peixe, pasando de 34 millóns de quilos en 2013 a 52 millóns no 2016 (unha suba do 51%). En facturación, o incremento foi nese período do 15%: 31 millóns de euros no 2013 e 36 millóns de facturación no 2016.

O cabalo de batalla, segundo Quintana, radica no aumento das posibilidades pesqueiras: "O aumento das cotas para Galicia é a nosa principal liña de traballo na adecuación da PPC", dixo, para engadir que a Xunta defende a necesidade de contar "con sólidos argumentos técnicos, socio económicos e ambientais e dunha estratexia xurídica firme que permitan centrar a acción legal nun obxectivo claro e factible de conseguir, caso da variación da situación por causa da obriga de desembarque de todas as capturas ou a ineficiencia reiterada no uso das cotas asignadas que fan algúns Estados membros".

En relación á desconexión da UE do Reino Unido, a conselleira manifestou que "non falamos de máis cotas, porque os comensais sentados á mesa serán os mesmos, pero si de mellores cotas en canto que podemos axustar o que necesitamos para a nosa dieta habitual,m si se me permite o símil". O Bréxit suporá, segundo explicou, a incorporación dun novo xogador ó taboleiro de NEAFC e, coa saída de Escocia -grandes pescadores das especies obxectivo de Galicia- España posicionaríase comercialmente como o primeiro país da UE na disposición de cotas das principais especies para o cerco, indo un pasiño ou dous por diante de Irlanda, Holanda,Portugal, Francia e Alemaña. 

Rematou animando a avanzar na mellora da xestión das citas no eido interno, o fomento dunha distribución anual e beneficiosa en termos de comerciallizaci´ñon para vender mellor e defender o aproveitamento das posibilidades que na consecución e uso de cotas "nos achegan medidas coma as cota transferibles e o intercambio das mesmas con aqueles Estados que non as empregan", así como as compensacións interanuais ou o establecemento de rangos de TAC que substitúan as cifras pechadas nos mesmos.